Zonas de interese histórico, natural ou paisaxístico

Zonas de interese histórico, natural ou paisaxístico.

Guitiriz é unha zona de grande interese. Encadrado na reserva da biosfera "Terras do Miño", é Lugar de Interese Comunitario. Polas súas terras atravesa o Camiño de Santiago, que é Patrimonio da Humanidade. Ademais disto é unha vila de grande importancia polas suas fontes de auga minero-medicinais o pola abondancia de granito silvestre.


Brañas do Boedo (Na capital municipal. A pouca distancia do pobo) Como chegar
Humidal encadrado dentro do LIC “Parga-Ladra- Támoga”. Destaca pola súa fauna (odonatos, anfibios e aves) e da súa flora, onde se atopan especies protexidas e outras propias das brañas, como myrica gale e drosera sp, unha pequena pranta carnívora.


Mirador da Cova da Serpe (Parroquia das Negradas)
Cunha elevación de 841 m sobre o nivel do mar e sitúase xusto no punto onde conflúen as lindes dos concellos de Guitiriz, Friol e Sobrado.O nome procede dunha caverna localizada nas proximidades da cima, dunha lonxitude duns 12 metros, e un altor na boca de sobre 2 metros; a anchura máxima é de 5 metros.


Presas e muíños de Merra (Parroquia de San Salvador. Preto do Museo e Santuario de Bascuas)
Como chegar

Muíño de Merra d'arriba

Muíño de Merra d'abaixo
O conxunto conformado polas presas e muíños de Merra supón unha pequena mostra máis do proveito que os veciños de Guitiriz lle souberon sacar á súa auga. En moitos muíños galegos podemos ollar canles que, dende o leito do río, dirixían e transportaban a auga ata os baixíos destas vellas construcións.


Pazo de Casanova (Parroquia de San Salvador)
Edificio de planta rectangular de duas alturas cunha enorme cheminea e o escudo na fachada principal. Ten outras edificacións coma lavadoiro, hórreo, fonte, casa de caseiros, alpendres, cruceiro e capela. Todo o recinto está amurallado, cun portalón de acceso ó patio de entrada.

 

Pazo da Pontella (Parroquia de Santa Cruz)
Tamén coñecido como “fortaleza de Santa Cruz” xa que o edificio cumpleu cunha función defensiva. O 1º documento que fala da existencia deste pazo data de 1520. Edificio de planta rectangular con capela enfrente ademáis de diversas construcción. O recinto está amurallado.


Muíños de Sinde (Parroquia de Labrada)
Conxunto de muíños que datan do ano 1933. Noutro tempo usado tamén para a xeración de enerxía eléctrica.

 

Pena de Roldán (Parroquia dos Vilares)
Situada no lugar da Reboira, é unha enorme rocha cunhas grandes fendas verticais, situada nun contorno natural que a fai digna de ver.


Petroglifo das Calzadas (Parroquia do Buriz)
Na parte superior podense ver duas pequenas cazoletas, moi desgastadas. No extremo dereito doce pequenos ocos. Na parte principal observamos unha parte cuadriculada, nun dos lados representase unha posible “porta”, pode representar unha cabana ou lugar de culto.


Vilariño dos Cregos (Parroquia dos Vilares)
Atópase aquí a que foi a casa de Xosé María Díaz Castro, poeta guitiricense ó que se lle adicou o Día das Letras Galegas no ano 2014.


Pena de Lliboi (Parroquia de Parga)
Xacemento megalítico con 9000 anos de antigüidade. Foi declarado Ben de Interese Cultural pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia.


Castelo de parga (Parroquia e vila de Parga)
Enriba do castro de A Pobra de Parga están as ruínas dun castelo señorial de fins do S.XIV ou principio do XV. O que queda é parte dos muros con unha das torres.


Fervenza e muíño da Ruxida (Parroquia de Parga)
O muíño da Ruxida foi construido no 1935. Sitúase nun emprazamento de grande valor natural, caracterizado pola presenza dunha fervenza natural. Funcionou ata os anos 70 e nos últimos anos foi restaurado.


Fonte de Valdovín (Parroquia de Parga)
Fonte de auga mineromedicinais, situada nunha área recreativa nun entorno de grande valor natural.



Muíño de Parga (Parroquia de Parga)

Muíño restaurado no que se pode contemplar o que foi unha das escenas mais cotiás dos nosos antergos. Está emprazado na área recreativa da carballeira de Parga. Teléfono: 982370109

Balneario de Pardiñas (Parroquia de Lagostelle)

Outro exemplo da importancia das augas medicinais neste concello. Agora só está aberta a fonte, pero noutro tempo este recinto de unhas 3 hectáreas de terreo contaba con varios chalets individuais para aluguer, cantina e ata igrexa privada. O recinto era unha zona axardinada moi fermosa.